O alcalde de Trazo desmente que se teña concedida ningunha licenza. Ademais de encargar análises dos residuos á USC o Concello remitiu o proxecto a distintos organismos autonómicos e estatais para a súa avaliación

 

Trazo 31 maio 2016. O Goberno local de Trazo vén de pronunciarse ante a posible instalación dunha planta de clasificación de residuos provenientes de SOGAMA na canteira da Picouta, situada no mesmo termo municipal. “Temos claro que dende o Concello nos opoñemos a este proxecto porque queremos un Concello rural e sostible medioambientalmente. Apostamos por un crecemento empresarial que teña a ben os nosos recursos naturais, axudándonos a manter a contorna, a paisaxe e a calidade de vida que caracteriza este municipio”, explica o alcalde José Dafonte.

 

A preocupación do rexedor e demais concelleiros, así como a do groso da veciñanza, é maiúscula ante esta situación. “Que ninguén dubide que vou ser rigoroso e escrupuloso no cumprimento da legalidade ante este tema”, asevera Dafonte ante a polémica suscitada. Tal é así que a día de hoxe dende o Concello xa se lle teñen encargadas análises ao laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da USC con mostras dos materiais cos que se traballaría na canteira. Incluso se ten remitido o proxecto a distintos organismos tanto de ámbito estatal como autonómico para que informen sobre os riscos que podería supoñer a instalación da dita planta de clasificación. Este é o caso de Minas, dependente do Ministerio de Enerxía, Industria e Turismo, ou a Consellería de Medio Rural e o Departamento de Xestión de Residuos, ambos da Xunta de Galicia.

 

A día de hoxe a continuidade dos trámites entre a empresa González Couceiro SLU, encargada de instalar a planta que, entre outros materiais, se encargaría de manipular as escouras que ata o lugar se trasladarían, está paralizado. “Estamos á espera do informe que ten que emitir a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental da Xunta de Galicia”, explica Dafonte “polo que desminto categoricamente que, tal e como se ten dito, desde o Concello se teña concedida a licenza para poder iniciar a actividade”.

 

Servizo de información

Neste aspecto o alcalde de Trazo quere deixarlles claro a todos os habitantes que “as portas da Alcaldía están abertas para quen queira informarse sobre este tema ou calquera outro. Para quen queira saber con todo detalle os pasos que ata o momento temos dado para defender os intereses dos veciños e veciñas e de ata onde estamos dispostos a chegar para evitar os prexuízos que calquera actividade empresarial ou doutra índole lle poida ocasionar a este pobo”. Tal é así que ademais da análise que realizan de xeito pormenorizado os servizos xurídicos do propio Concello, este contratou asesoramento legal externo para comprobar se o proxecto administrativo se axusta ou non á legalidade. Incluso para quen o desexe, cada luns existe a posibilidade de que sexa un asesor xurídico o que achegue as explicacións que se demanden.

 

Rexeitamento conxunto

Dende a Alcaldía tamén se fai un chamamento a todos os axentes e plataformas veciñais implicadas nesta reivindicación para unificar esforzos e enerxías “e ir todas e todos xuntos cara a un mesmo obxectivo, o de evitar experimentos medioambientais no noso concello”, afirma o rexedor. Neste aspecto alerta sobre “a intención por parte dalgunhas persoas de querer confundir á cidadanía con este tema tan serio para obter un rédito político, co conseguinte prexuízo que supoñería a división de forzas. As afrontas políticas deben quedar a un lado cando enriba da mesa se está a falar de saúde, benestar social ou medioambiente”, asegura.

 

 

CONCELLO DE TRAZO

Viaño Pequeno, 14
15687 Trazo (A Coruña)

Tlf.: 981 689 001

Fax.: 981 689 035