Demografía

Ten unha superficie de 100,48 quilómetros cadrados que se dividen nun total de once parroquias:  (Benza (San Pedro), Berreo (San Mamede), Campo (San Xoán), Castelo (Santa María), Chaián (Santa María), Monzo (San Martiño), Morlán (Santa María), Restande (Santa María), Trazo (Santa María), Vilouchada (San Vicente) e Xavestre (San Cristovo), nas que vive unha poboación de 3.500 habitantes aproximadamente, espallada por un total de 103 aldeas que salpican a paisaxe agraria.

As parroquias de Xavestre e Chaián son as máis poboadas debido á súa proximidade a zonas urbanas, neste caso, Santiago de Compostela. En Chaián atópase o núcleo que abrangue maior poboación do concello, A Polveira, cun 10% da poboación total.

A capital municipal corresponde a Viaño Pequeño, lugar da parroquia de San Xoán de Campo, que ten 140 habitantes, onde se atopan os principais servizos como: centro de saúde, farmacia, banco e caixa de aforros, punto de atención á infancia, casa do concello, piscina municipal, pavillón polideportivo, casa da cultura, biblioteca, aula de informática, colexio de primaria e instituto de ESO, tanatorio, oficina de correos, comercios de roupa, panadería, perruquería, supermercado, bares, ferraxarías,  talleres mecánicos, etc.

A evolución demográfica do concello de Trazo é moi similar á dos demais concellos da comarca, de modo que a un crecemento constante, aínda que atenuado polas perdas emigratorias ata 1950, en que se acada o máximo secular con 5409 habitantes (nivel 148,6 con respecto ao 100 de 1900), séguelle un descenso gradual ata a actualidade, aínda que na última década parece detectarse unha lixeira recuperación, de xeito que en 1998 acádase o nivel 107,5, aínda inferior ao rexistrado nas primeiras décadas da centuria. Practicamente todas as parroquias teñen igualmente o máximo secular en 1950 ou en 1960, para ter un comportamento similar ao municipal desde aí. O crecemento vexetativo actual é claramente negativo (-0,47%), debido fundamentalmente ao descenso da natalidade das últimas décadas (do 12 por mil a finais dos setenta pasouse o 6,6 por mil actual) e ao elevado grao de avellentamento que expresa unha porcentaxe de maiores de 65 anos do 21,9%.

A estrutura demográfica da poboación de Trazo amosa xa claros síntomas de envellecemento: segundo datos do Padrón de Habitantes do ano 2008, tan so o 8,2% dos habitantes ten menos de 16 anos, e o 29,7% ten máis de 65 anos, sendo o maior volume o correspondente aos adultos, de 16 a 64 anos, que representan o 62,1% do total poboacional. Por outra parte, a idade media da poboación é de 49,6 anos. Canto aos principais indicadores demográficos, a taxa de natalidade é de 5,7 nacementos por cada mil habitantes, e a taxa de mortalidade ascende a 13,8 falecementos por cada mil habitantes (ambas taxas correspondentes ao ano 2010). Con estas taxas, non resulta raro que o saldo vexetativo sexa negativo: no ano 2011, o crecemento da poboación municipal foi de -15 habitantes.

Economía

A base económica do municipio está formada únicamente pola actividade agropecuaria. O peso relativo do sector en termos de emprego descendeu apreciablemente. En 1975 aínda representaba o 69,6%, en tanto que no 96 cifrábase no 43,4%. Pero esta diminución non significou empobrecemento, senón mellora da produtividade e aumento dos ingresos dos que permaneceron, que comezaron un sostido proceso de reestruturación agropecuaria. Xa a mediados dos setenta o número de parcelas baixaron á metade das existentes no primeiro censo agrario de 1962. Despois comezouse unha renovación acelerada da mecanización, que medida en CV de potencia da maquinaria é case o dobre da media galega por hectárea. Ademais reduciuse o número de explotacións, é dicir, que ademais de haber menos parcelas, tamén se aumentaba o tamaño das explotacións. As compras fóra do sector ampliáronse e procediuse a unha modernización técnica xeneralizada. O centro do seu modelo radica na gandeiría maior e no bovino. A cabana gandeira de Trazo está entre as primeiras de Galicia, destacando tanto no gando vacún como no porcino. Trazo é un dos principais municipios galegos polo número de vacas e conta con interesantes niveis de porcino.

O modelo económico de Trazo xira arredor do sector primario, máis concretamente, do subsector gandeiro, que nos últimos anos experimentou unha apreciable modernización, favorecida polo proceso de concentración parcelaria, que dotou de maior dimensión ás explotacións. A superficie agraria útil de Trazo é de 8.011 Ha, clasificadas en 2.229 Ha de terras labradas, 2.296 Ha de terras labradas para pasteiros permanentes, 1.521 Ha con especies arbóreas e forestais e 1.566 Ha ocupadas por outras especies forestais.

A economía de Trazo baséase na produción do leite, o que dan centos de vacas repartidas nunhas 150 explotacións, sendo a principal fonte de ingresos do municipio. Grandes marcas como: Puleva, Leyma, Pascual, Nestlé, Rlio ou Feiraco, veñen a Trazo pola súa materia prima, o que as distingue como marcas e é que aquí hai leite de calidade, con grandes pastos para as vacas e explotacións con avanzadas tecnoloxías, que producen cifras moi importantes nun municipio como Trazo, que basa a súa economía neste produto, por iso moitas das labores do campo están relacionadas con isto.

Pero non podemos esquecernos doutra importante fonte de ingresos: as plantacións forestais. Véndese moita madeira, sobre todo de pino e eucalipto, a maioría destinada á FINSA, un referente mundial no sector da madeira é que ademais está a escasos quilómetros de Trazo.

E que sexa pola madeira ou polos lácteos, o que está claro é que Trazo débello todo ao campo.

A carne, a famosa “tenreira galega”, ten menos protragonismo na gandería deste municipio, con tan só 40 explotacións. Un municipio onde se mantén viva a agricultura de subsistencia, certamente desenvolvida grazas a un feito que aconteceu nos agros non hai moito tempo: a concentración parcelaria. Dita concentración permitiu introducir nos agros maquinaria agrícola e sacarlle maior partido aos cultivos, especialmente de trigo, millo, pataca, verduras e hortalizas.

O municipio está cheo de terras traballadas, por iso é habitual se pasan por aquí, atoparse xente traballando no campo, ou cruzarse con algún tractor. E aínda que algúns pensan que Trazo ten pendente aínda a sua revolución agropecuaria, outros teñen claro o arrastre económico que supón a proximidade á capital de Galicia. De todos os xeitos, a leite é a materia prima por excelencia da que viven a maior parte dos gandeiros.

O último censo gandeiro dispoñible, correspondente ao ano 2009, cifra en 11.005 UG (unidades gandeiras), que representan 10.656 bovinos e 209 porcinos. O resto das especies gandeiras teñen unha importancia residual. Tradicionalmente, a orientación da cabana bovina era de leite, pero se está a mudar cara a aptitude cárnica a causa das restricións á produción leiteira. Esta especialización gandeira advírtese tamén nos cultivos: 2.925 Ha (que aumentan dende os 2.224 do ano 1999) dedícanse a cultivos herbáceos e 7 Ha corresponden a frutais.

O uso da terra está en grande medida orientado á alimentación gandeira, os cultivos forraxeiros son maioritarios, as patacas importantes e aumenta a superficie adicada a pastos e pastizais. Aínda que tamén se aprecia un progresivo interese pola horta e cultivos de alto valor de mercado.

As explotacións agrarias desta comarca, están avanzando cara unha rendabilidade, mellorando a tecnoloxía dos cultivos, co uso de moderna maquinaria e con extensións axeitadas para unha utilización racional e beneficiosa da terra. Ademais doutros cultivos o solo está especializado en pastos e forraxes, fundamentalmente millo, debido á vocación gandeira destas terras.

A explotación forestal ten tamén importancia, adoita ser un complemento as rendas familiares e proporciona materia prima a unha pequena industria madeireira local. A superficie forestal do concello desagrégase nas seguintes clasificacións: forestal desarborado: pasteiro arbustivo, 267,5 Ha e Mato, 207,6 Ha; forestal arborado: forestal autóctono, 278,1 Ha e forestal repoboación, 3.812,9 Ha.

As industrias destacan, sobre todo, no campo da madeira, de aquí que a explotación forestal sexa importante na zona. Na área de monte ocupa no municipio o 54% adicada na sua maioría á repoboación para conseguir aumentar a materia prima das pequenas empresas.

Aínda sen acadar un nivel importante, a proporción de activos na industria medrou ata o 10,5% actual, unha porcentaxe que duplica á de mediados dos setenta. O traballo da construción, exercido internamente e fóra do municipio, chega ata o 16%, unha proporción máis importante que a media galega.

Dentro do sector terciario destacan as actividades relacionadas co comercio, a hostalaría e o transporte. A característica que as une é que estas desenvólvense fóra do municipio, basicamente en Santiago de Compostela, xa que en Trazo este sector terciario apenas é relevante.

O tecido comercial aparece representado en Trazo,  con oficinas bancarias, actividades industriais, actividades comerciais maioristas, actividades comerciais minoristas e actividades de restauración, bares e  hostalaría.

A base empresarial do concello caracterízase pola pequena empresa dirixida ás actividades minoristas. Trazo presenta aínda pequenos índices industriais e de actividade económica.

O pequeno comercio aparece nun reducido número de establecementos adicados á alimentación. No que respecta á facturación destacan dúas estacións de servizo localizadas no municipio, as dúas das súas empresas máis representativas.

Canto do tecido empresarial do concello, rexístranse 146 empresas, das que 98 teñen a condición xurídica de persoas físicas, 33 son sociedades de responsabilidade limitada, e 2 son cooperativas. Non existe ningunha sociedade anónima. Estas empresas, segundo o seu nivel de asalariados, pertencen ao estrato da microempresa, xa que 89 delas non teñen asalariados, 42 teñen de 1 a 2 empregados, 11 teñen de 3 a 5 empregados, 2 teñen de 6 a 9 empregados e dúas de 10 a 19. Por sectores de actividades, o censo de empresas está dividido en 18 empresas industriais, 42 empresas de construción, e 86 dedicadas aos servizos (pequenas tendas e establecementos hostaleiros principalmente).