Historia

Procedencia do nome do Concello

Trazo é un topónimo que provén das bases prerromanas tarra, “altura rocosa”, ou tor de significado similar. Trazo, de Taracio ou Toracio, con síncopa na vocal bretónica é o nome dunha parroquia e concello que ten a igrexa parroquial nun lugar alto, sobre a chamada Baixa de Trazo.

As terras do actual municipio de Trazo pertenceron á xurisdición de Montaos. Esta xurisdición existía polo menos dende o século XII e figura por primeira vez nunha doazón de Alfonso VII á mitra compostelá datada no 31 de maio de 1124. Nela establecéronse os límites dende a Ponte de Sigüeiro ao monte Xalo e incluía practicamente todas as parroquias do concello. Os Bermúdez de Montaos, descendentes ou sucesores dos poderosos condes de Traba, exerceron este señorío tendo como lugares principais Montaos (Ordes) e Lestrove, na parroquia de Benza.

En Lestrove posuían unha importante fortaleza que aínda conserva restos do seu antigo poderío cando a consignou Anxo do Castelo no seu Inventario da Riqueza Monumental e Artística de Galicia, pero o abandono e o tempo remataron con ela.

Podemos ler neste inventario que as torres de Lestrove pertencían ao Conde de Graxal de Campos. Efectivamente o condado de Graxal de Campos uniuse ao marquesado de Montaos por enlaces matrimoniais.

O agora termo municipal de Trazo, nos tempos do Antigo Réxime, pertencía á provincia de Santiago, unha das clásicas do Reino. Promulgada a Constitución de 1812, forma parte da provincia única de Galicia. Ao dividirse Galicia en catro provincias, o concello de Trazo forma parte da nova provincia da Coruña.

Cando a Deputación fai única a distribución en partidos xudiciais no ano 1820, as parroquias de Trazo dependían do partido xudicial de Poulo. Cando se fai a nova distribución polo R.D. do 21 de abril de 1834, pasa a pertencer ao novo partido xudicial de Ordes, pasando Trazo ao partido xudicial de Santiago, no que permanece ata a Lei 38/ 1988, do 28 de decembro, que volve a reinstaurar o partido xudicial de Ordes, ao cal volta novamente Trazo.

No tempo de vixencia dos xulgados comarcais, Trazo tivo o seu xulgado propio, do que dependían os xulgados de paz dos concellos de Buxán, Oroso e Tordoia.

As súas parroquias son dependentes eclesiasticamente da diócese de Santiago de Compostela. Son todas matrices agás as de Morlán, Monzo e Vilouchada que son anexas.

A capital municipal do concello de Trazo tamén sufriu diversas variacións, estivo na Baixa (parroquia de Trazo), en A Cuca (parroquia de Morlán) e na actualidade en Viaño Pequeño (parroquia de Campo), onde se atopa a casa do concello.

Esta foi construída polos arquitectos Rafael Baltar Tojo e José Antonio Bartolomé Argüelles en 1975. É unha moderna e orixinalísima construcción que rompe coa idea tradicional, tal e como di Ofelia Seijas, coa súa planta circular. Foi proxectada deste xeito debido, en parte, ao seu lugar de emprazamento, unha rotonda que estaba para ser praza. A planta superior acolle as oficinas do concello e está recorrida por un anel de ventanas interrumpido pola apertura do balcón consistorial. A planta inferior antigamente estaba toda corrida por un porche, hoxe en día ese porche pechouse para dar lugar a novas oficinas. A cuberta cónica está rematada por un lucernario que ilumina o vacío central do edificio no que se atopan as escaleiras. O volumen desta cuberta acolle o arquivo municipal e os espacios de almacenalle ademais de un despacho.

Historia Trazo

Documentos sobre o edificio do concello:

Heráldica

O escudo do Concello de Trazo consiste nun castelo de plata en campo de sinople adestrado dun lobo pasante do mesmo. Estas armas representan ao señorío da linaxe “Vega” sobre esta vila. O escudo ten un informe favorable da Real Academia de 1978, se ben, a representación máis axeitada da liñaxe “Vega” é representada nesta ocasión.

Heráldica Trazo

A bandeira do Concello de Trazo consiste nun pano verde e un castelo de branco, e, á súa dereita, un lobo pasante de branco. Estas cores representan ao señorío da liñaxe “Vega” sobre este municipio e o carácter puramente agrícola e rural do municipio no que destacan os seus extensos prados.